Escola de Música Berenguela
Escola de Música Berenguela
Pianista, compositor, adaptador e profesor, Andrés Alén Rodríguez nace en Cuba, onde comeza a estudar co seu pai, Osvaldo Alén, importante intérprete da música cubana e internacional. Con tan só 11 anos, e despois de tocar coa súa familia en Nova York (mesmo no prestixioso Carnegie Hall), comeza a súa carreira artística cuns concertos nos que toca as súas propias composicións na Sociedade de Música de Cámara da Habana, o que lle valeu ser nomeado Membro Honorario da devandita institución. Posteriormente ingresa na Escola Nacional de Arte da Habana, en 1962, na clase dos profesores Margot Díaz Dorticós e Cecilio Tieles Ferrer, con quen concluíu os seus estudos de Nivel Medio. Máis tarde, obtén unha bolsa a través dun exame de oposición para estudar no Conservatorio Tchaikovsky de Moscú (Rusia) co mestre Lev Nikolaeivich Vlasenko, graduándose en 1976.
Como pianista-concertista ten ofrecido recitais, como solista e con orquestra, nas principais salas de concertos de Cuba, Polonia, Rusia, Alemaña, Checoslovaquia, India, Colombia, Arxentina e Bolivia e España.
O seu interese musical non se limita ao campo da música clásica, sendo tamén un destacado intérprete da música popular cubana e de jazz. Neste campo, foi pianista e compositor do grupo do trompetista Arturo Sandoval e de "Perspectiva" de Jazz Latino, entre outros, actuando nos principais festivais de Jazz de Europa e América Latina. Tocou con figuras tan importantes como Dizzy Gillespie, Roy Hargrove, Carmen MacRae…
Como compositor escribiu obras para música de cámara, sinfónica, coral, para piano, música para nenos e música popular moderna.
Entre os diferentes premios, distincións e medallas que posúe, destaca a súa nominación ao Premio Grammy Latino 2001 polo seu CD "Andres Alén Pianoforte", que inclúe gran parte da súa obra para piano. En 2004 gaña o Premio Cubadisco ao mellor álbum como solista co seu CD "Chopin: 4 baladas e 3 nocturnos"
Profesor fundador do Instituto Superior de Arte da Habana, impartiu cursos internacionais sobre música moderna cubana para estudantes norteamericanos na Escola Nacional de Música nas disciplinas de Piano, Música de Cámara, Harmonía, Arranxo e Orquestración, Jazz Latino e Música Popular Cubana. Foi invitado para dar clases pola Universidade de Stanford, Universidade de Florida, en Gainesville, e no College of Charleston, Carolina do Sur, Estados Unidos; no Royal Welsh College of Music and Drama, Reino Unido; e no Rythmic Conservatory de Copenhague.
Na actualidade vive en España e é profesor da Escola de Música Creativa, á que está vinculado dende o curso 2008/2009 impartindo a materia de Piano.
Andrés Alén

© 2012 berenguelamúsica.com-Tódolos dereitos reservados