Alicia Beatriz López Galego 


Nace e fórmase en Compostela, onde cursa estudos de Licenciatura en Filosofía e Ciencias da Educación na USC. Desenvolve o seu traballo profesional na súa cidade natal, en espazos relacionados coas letras. Funda en Compostela os primeiros obradoiros de Escritura Creativa, e introduce así mesmo esta materia na USC, onde imparte docencia no Terceiro Ciclo, cun "Curso Básico de Escritura Creativa", na Facultade de Filosofía. 

As súas inquedanzas comunicadoras, lévana a crear o espazo radiofónico O Sombreiro de Merlín, que dirixe e presenta dende hai unha década en Radio Obradoiro, emisora do Grupo Correo Gallego. O programa emítese os sábados entre as 12:00 e as 13:00hs, con contidos de carácter artístico e social, difundindo a cultura en todos os seus eidos e colaborando con varias ONG, coma Médicos sen Fronteiras; FEAFES Galicia, pro saúde mental; e Panxea Comercio Xusto, coa que ten organizado un certame de Microrrelatos.

Como autora publica no 2014 o libro Con sal y arena, coa editorial alemá Ex Fonte: o libro consta da novela El regazo del diablo xunto con catro Relatos sonámbulos, e foi editada en edición de coleccionista, xunto cos gravados orixinais do profesor de Estética da USC, Nel Rodríguez Rial, e fotografías da autoría dos editores.

No eido da poesía, é autora de dous poemarios, As fadas mortas, que formou parte da Exposición Colectiva, 16 ou 20 contidos desbordados, inaugurada na Sala Abanca, en Compostela, o 21 de xaneiro do 2016, comisariada por Ana Costas; o poemario foi intervido a nivel visual pola artista Rosa Úbeda; o seu segundo poemario, Luva Negra, saíu en edición de coleccionista nun traballo conxunto co gravador Xosé Poldras. A obra presentouse o día 14 de abril de 2016, no salón de actos de El Correo Gallego.

Colabora como articulista co Anuario Fol de Veleno, editado pola SAGA (Sociedade Antropolóxica Galega).

Na Escola de Música Berenguela dirixe a "Aula de Letras e Escritura Creativa", impartindo docencia para adultos, mozos e nenas nas seguintes disciplinas: Escritura Creativa, Redacción, Lectura Comprensiva e Expresión oral. É tamén redactora xefa da revista Letra Negra. Variacións culturais, editada pola propia Escola de Música Berenguela.

© 2018 berenguelamusica.com - Todolos dereitos reservados