Manuel Vilas - Profesor de arpa de dúas ordes

 

Nace en Santiago de Compostela, onde inicia os seus estudos musicais. Estuda arpas antigas dos séculos XII a XVIII en Madrid con Nuria Llopis e en Milán con Mara Galassi. Colaborou con numerosos grupos como Les Musiciens du Louvre, Al Ayre español, Capela Xerónimo de Carrión, Musica Ficta, Capela de Ministrers, Ensemble Elyma, Camerata Iberia, La hispanoflamenca, La galanía, Ars Longa, La Trulla de vozes, Orquestra barroca de Sevilla, coro nacional de España, etc. nos máis importantes festivais de España, Alemaña, Cuba, USA, Ecuador, República Checa, Paraguai, Austria, Portugal, Suíza, Francia, Bolivia, Bélxica, Arxentina, Chile, Holanda, etc...También realiza concertos como solista con programas centrados na música barroca española, americana e italiana (concertos ofrecidos en Holanda, Chile, España, USA e Cuba). Participou en producións operísticas en París e Viena (L’incoronazione dei Poppea, de Monteverdi), Madrid, Xenebra e México (A Púrpura da Rosa, de Torrejón e Velasco), Múnic, Vigo e San Sebastián (Orfeo de Monteverdi), así como na recuperación da obra escénica Andrómeda e Perseo no curral de comedias de Almagro e nas representacións da zarzuela Saír o amor do mundo, de Sebastián Durón no teatro Arriaga de Bilbao. Foi o primeiro arpista en ofrecer un curso de arpa barroca española en Estados Unidos e en Cuba. Actualmente encóntrase centrado nun ambicioso proxecto de recuperación de pezas vocais do barroco español interpretadas exclusivamente co acompañamento da arpa de dúas ordes, tal como se facía na época. Deste proxecto ata este momento saíron catro discos compactos: un para o selo Naxos coas toadas de Sebastián Durón coa soprano Raquel Andueza, outro coa mezzo Marta Infante titulado "Tonos á arpa" para o selo Enchiriadis, un terceiro coa soprano Estrella Estévez para o selo Arsis e moi recentemente para o selo "A ma de Guido" os tons de José Marín xunto ao tenor Felix Rienth.

É o director artístico do proxecto de gravación dos 100 tons do Manuscrito Guerra (século XVII), manuscrito que investiga dende hai máis de dez anos, e cuxa gravación integral publicará a discográfica Naxos en 6 discos compactos. Os dous primeiros cds desta serie, realizados xunto á soprano Isabel Monar e o tenor Juan Sancho, saíron ao mercado en 2011 e 1012 respectivamente. Foi invitado polo festival de Franders (Bélxica) para dar unha masterclass sobre arpas antigas ibéricas e foi asesor no proxecto patrocinado pola Generalitat valenciana de recuperación dos instrumentos dos frescos da catedral de Valencia.

En 2008 funda o grupo Ars Atlantica, que se presenta no festival Via Stellae (Santiago de Compostela) coa estrea en tempos modernos das cantatas procedentes do pazo que a familia Contarini posuía preto de Venecia. A gravación destas cantatas, xunto á mezzo Marta Infante, foi galardoada en Holanda co premio Preludeclassical music como uns dos mellores disco de música antiga do 2010.

Así mesmo, é pioneiro no estudo de certo tipo de arpas hoxe totalmente esquecidas, como a arpa xesuítica chiquitana (Bolivia, século XVIII), e a arpa dobre que circulaba pola coroa de Aragón no século XIV, que presentou recentemente interpretando obras de Guillaume de Machaut.

Unha das súas especialidades é ofrecer recitais con cantantes: acompañou a Marta Infante, Guillemette Laurens, Raquel Andueza, Isabel Monar, Juan Sancho, Roberta Invernizzi, Mercedes Hernández, Marivi Blasco, Jose Antonio López, Isabel Álvarez, Francisco Fernández Rueda, Yetzabel Arias, Monica Piccinini, etc.

Recentemente foi invitado a representar a España no VI festival mundial de arpa na cidade de Asunción (Paraguai) sendo o primeiro arpista en ofrecer un recital de arpa de dúas ordes neste país.  

Posúe a súa propia canle de youtube onde se pode ver e escoitar parte do seu proxecto audiovisual que mostra diversas arpas antigas en diferentes localizacións de Santiago de Compostela (ArpaManuelVilas)

 

 

 

 

 

 

© 2018 berenguelamusica.com - Todolos dereitos reservados