Alfonso Morán Fraga Contrabaixo

◀︎◀︎

DSC_9520

Estudou contrabaixo na Coruña co profesor Manuel Iglesias Brea, e continuou en Madrid cos profesores Antoni García Araque e Ludwig Streicher, con quen rematou os estudos na Escuela Superior de Música Reina Sofía recibindo o diploma ao alumno máis sobresaliente. Formouse tamén como membro da Xoven Orquestra de Galicia e da Joven Orquesta Nacional de España. Tras do seu paso por outras agrupacións, como a Orquesta Sinfónica de Galicia, desde 1996 é membro da Real Filharmonía de Galicia, con sede en Santiago de Compostela, onde ocupa o posto de contrabaixo co-principal.


Ademáis de abordar repertorio clásico e contemporáneo con diversos proxectos camerísticos, colabora frecuentemente con grupos especializados en música antiga como Ars Combinatoria e Capela Compostelana. Coa Capela ten gravado e publicado música de José de Vaquedano, quen fora mestre de capela na catedral compostelá nos inicios do século XVIII.


Asimesmo, desenvolve unha actividade paralela  no terreo do jazz, participando habitualmente en concertos, xiras ou gravacións xunto a músicos como Nani García ou Roberto Somoza, incluindo traballos xunto a Jorge Pardo, Perico Sambeat, Víctor de Diego, Chris Case, Abe Rábade e moitos outros. Lidera tamén un proxecto co que interpreta un repertorio de composicións da súa autoría.


Alén diso, atende con frecuencia invitacións a participar en concertos e gravacións discográficas no eido da música de raiz galega, xunto a artistas como Carlos Núñez, Emilio Cao, Fía na roca, Luar na lubre, Uxía Senlle, María Manuela, etc. No disco Rio de son e vento, de César Morán, foi tamén o responsable dos arranxos e a dirección musical.


No campo docente, foi profesor na Xoven Orquestra de Galicia e na Escola de Altos Estudios Musicais de Galicia. Colaborou como profesor na preparación da Nova Orquestra Galega das Artes, no marco das  máis recentes edicións do festival Artes no Camiño con sede en Sarria. Forma parte do profesorado do Festival de Contrabaixo "Ludwig Streicher" en Santiago de Compostela, no que se encarga do departamento de Harmonía e Improvisación desde a súa primeira edición en 2001.


fonso.moran@gmail.com


◀︎◀︎