Compositores galegos aquí e agora

◀︎◀︎

idNoticia-565493

CADERNO ABERTO

Compositores galegos aquí e agora

05.07.2010

MIGUEL ANXO FERNÁN VELLO

images3Fq3DMIGUEL2BANXO2BFERN25C32581N2BVELLO26um3D126hl3Des26client3Dsafari26sa3DN26rls3Den26biw3D133026bih3D99426tbm3Disch&um=1&itbs=1&iact=hc&vpx=650&vpy=279&dur=587&hovh=178

Acolle o Centro Galego de Arte Contemporánea un ciclo de concertos titulado Os nosos compositores. Perspectivas de ensemble, unha iniciativa do Taller Atlántico Contemporáneo, agrupación esta composta por 12 excelentes músicos dirixidos por Diego García Rodríguez.

E o público ten a posibilidade de aprezar a calidade compositiva e a diversidade estética da música contemporánea que hoxe se produce en Galicia. Hai que dicir que aos nomes de Roxelio Groba e Carlos López García-Picos, recentemente falecido este último, únense, para configuraren o gran "ensemble moderno creado por compositores galegos dende o último cuarto de século XX até os nosos días", personalidades xa tan importantes na música galega contemporánea como as de Manuel Balboa, Enrique X. Macías, Paulino Pereiro, Juan Durán, Manuel Rodeiro, Juan Vara ou Xavier de Paz, por citarmos algúns dos máis recoñecidos, mesmo fóra de Galicia e internacionalmente, con importante obra realizada -Paulino Pereiro supera xa os 250 títulos no seu repertorio de obras- ao longo, principalmente, das tres últimas décadas.

A calidade xeral dos compositores galegos actuais -velaí o caso de Pereiro ou Durán, por citarmos dous nomes indiscutíbeis- está á altura do que hoxe se fai en calquera país europeo, e a música destes autores compite perfectamente en calquera ámbito internacional, demostrando así a validez e a transcendencia du- nha creación musical que non sempre é aprezada no país de orixe. Por iso mesmo, benvido sexa o ciclo de concertos que teñen lugar no CGAC, todos eles do máximo interese, e benvidas sexan todas as iniciativas de divulgación e de proxección da música contemporánea galega, que forma parte tamén -do mesmo xeito que o fai a música tradicional, gaitas incluídas- da alma expresiva de Galicia, a través duns compositores e creadores que, na súa riqueza e diversidade (vaian aquí tamén os nomes de Xacobe Gaspar, Julio Montero e Javier Mª López), fan real esa "taquigrafía das emocións" (León Tolstoi) que é, admirabelmente, a música.

◀︎◀︎