Marion Sarmiento Vallverdú Voz

◀︎◀︎

DSC_3832

Nace en Alcover (Tarragona). Realiza os estudos musicais nos Conservatorios de Música de Vilaseca e Badalona e no Conservatorio Superior do Liceo de Barcelona, onde obtén o Título Superior de Pedagoxía Musical. Realiza múltiples cursos de pedagoxía musical e dirección coral, ademais do Postgrao de Logopedia aplicada aos trastornos da voz  da Universidade Ramón Llull de Barcelona. 

Exerce como profesora de Linguaxe Musical e Canto Coral en diversos conservatorios de Tarragona e Barcelona dirixindo as súas corais infantís e xuvenís e realizando concertos en diversas cidades españolas.Canta durante trece anos no coro feminino “Sant Esteve” de Vilaseca, co que obtén diversos premios en concursos nacionais e internacionais de canto coral e co que actúa  como mezzosoprano solista, realizando concertos en diversas cidades de España e xiras por Europa e México.

É membro durante oito anos do coro Lieder Cámera de Sabadell, dirixido por Josep Vila, colaborando como subdirectora e mezzo solista e realizando concertos en diversas cidades de España e Francia. Con este grupo realiza tamén colaboracións con Mireia Barrera, actúa baixo a batuta de mestres como Josep Pons, Eric Ericson, David Robertson, Günter Theuring e Trevor Pinnock, entre outros, e participa en diversas óperas e espectáculos teatrais con músicos e directores de escena como Carles Santos, Mario Gas, Calixto Bieito e Joan Font.

Entre os anos 2001 e 2005 forma parte do profesorado da ESMUC (Escola Superior de Música de Catalunya) impartindo as materias de Formación Vocal Aplicada e Canto Coral. Dende o ano 2006 colabora asiduamente co coro da USC e a Capilla da Catedral de Santiago e forma parte do Orfeón Terra a Nosa e do Taller de Música Antiga do mesmo, todos eles dirixidos por Miro Moreira. Con estes grupos ten realizados diversos concertos e xiras en Galicia, España, Francia e EEUU, e colaboracións con orquestras como a Real Filharmonía e a Sinfónica de Galicia. 

En outubro de 2010 é invitada como mestra asistente para preparar a 9ª Sinfonía de Beethoven co Coro da Casa da Música de Porto.Na súa actividade docente actual, ten impartido o curso “Iniciación á voz cantada” na Aula de Teatro da USC e, dende o ano 2007, é profesora de Canto, Linguaxe Musical e Canto Coral na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia.

◀︎◀︎