Fernando Santiago García. Profesor de violoncello e de novas tecnoloxías.


(Bueu, Pontevedra). Estudou violoncello no Real Conservatorio de Música da Haia (Países Baixos) con Lucia Swarts, Dmitri Ferschtman e Anner Bylsma, obtendo en 2013 a licenciatura e mestría con honras. En 2014 trasládase a Xapón para continuar os seus estudos de violoncello barroco con Hidemi Suzuki, na Universidade das Artes de Tokio.

Colaborou con músicos como Lucy van Dael, Emma Kirkby, Barthold Kuijken, Alfredo Bernardini, Chiara Banchini ou Beira Beths, así como coas orquestras Nederlandse Bachvereniging (Netherlands Bach Society), Händel Festival Japan, Divino Sospiro, Orquestra Barroca de Tenerife, Apollo Ensemble, Orquestra Barroca Vigo 430 ou Concerto Foscari, ofrecendo numerosos recitais en países como Xapón, España, Portugal, Francia, Italia, Alemaña, Suíza, Croacia, Hungría, República Checa, Polonia, Bélxica e Países Baixos (moitos deles gravados para a Radio Pública Holandesa NPO-Radio4).

É membro fundador dos ensembles Trio da Haye e Ensemble Imperioso, con quen interpretou en países como Italia ou os Países Baixos unha importante parte do repertorio camerístico dos séculos XVIII e XIX con instrumentos de época, incluíndo pezas de W.A. Mozart, L. van Beethoven, J. N. Hummel, F. Ries ou F. Chopin.

Como docente impartiu masterclasses no Conservatorio Superior de Música da Coruña, no I e II Curso de Verán da Asociación de Violonchelistas de Galicia (Soncello), no XIV e XV Curso Internacional de Música Antiga da Escola Superior de Música de Porto e Escola Superior de Música de Lisboa, e no III Ciclo de Música Antiga do Conservatorio de Música dá Branca (JOBRA).

Desde 2016 é profesor de violoncello barroco na Escola Superior de Música, Artes e Espectáculo (ESMAE) do Porto. Toca un violoncello milanés de ca. 1700, que anteriormente pertencía a Howard Shanet e que foi recentemente restaurado ao seu estado orixinal.

 

 

© 2020 berenguelamusica.com - Todolos dereitos reservados